25 Aniversario da Sociedade Galega de Medicina Interna 25 Aniversario da Sociedade Galega de Medicina Interna 
Medicina Interna Sogami Galicia Clínica. Revista Oficial da SOGAMI


Galicia Clínica será a partir de agora a Revista Oficial da Sociedade Galega de Medicina Interna, a prestixiosa publicación estará ao servizo da Medicina en Galicia

» ver repercusión en prensa

Galicia Clínica comeza unha nova etapa, coincidindo co 25º Aniversario da Sociedade Galega de Medicina Interna.

Como Revista Oficial da SOGAMI, manterá o seu carácter aberto e multidisciplinar como punto de encontro e de intercambio científico para os profesionais da saúde.

A Coruña, 14 de outubro de 2008

Hoxe tivo lugar a presentación da Revista Galicia Clínica, no acto estiveron presentes Don Ricardo Fernández Rodríguez, presidente da Sociedade Galega de Medicina Interna; Don Ramón Rabuñal Rey, director de Galicia Clínica; e Dona María Xosé Bravo, concelleira de cultura do Concello da Coruña.

A Domus, Casa do Home foi o lugar elixido para esta celebración, á que asistiron profesionais destacados da especialidade, personalidades do sector e diferentes representantes da sociedade galega. Tamén estiveron presentes os herdeiros do fundador e os últimos directores, o Dr. J. Domingo Pedreira e o Dr. A. Castro Beiras.

A presentación de Galicia Clínica enmárcase dentro dos actos de celebración do 25 Aniversario da Sociedade Galega de Medicina Interna. O seu presidente lembrou que foi precisamente nesta cidade, onde se constituíu a SOGAMI, en xuño de 1983. Don Manuel Noya García, xunto cos 23 socios fundacionais emprenderon aquí unha aventura que hoxe cumpre xa 25 anos.

A SOGAMI ten evolucionado ao longo destes 25 anos no complexo e cambiante mundo da medicina, cumprindo os seus compromisos científicos e institucionais. Actualmente é unha sociedade ben consolidada que representa a máis do 90 por cento dos médicos internistas de Galicia.

Don Ricardo Fernández transmitiu o orgullo dos internistas pola recuperación da prestixiosa publicación, "é o mellor xeito de recoñecer o seu pasado e agradecer o labor de todos os que lle deron vida durante tantos anos. Especialmente, agradeceu a xenerosidade dos herdeiros do fundador, ao permitir o rexistro da cabeceira como Revista Oficial da SOGAMI, en outubro de 2007.

Na súa intervención, Ramón Rabuñal, director de Galicia Clínica, amosouse satisfeito de ter afrontado este reto xunto coa SOGAMI. "Sempre admirei a publicación e a súa labor de promulgación da ciencia médica, os seus contidos mantiveron un elevado índice de calidade e elevaron o prestixio dos profesionais galegos máis alá das nosas fronteiras".

Unha das novidades máis destacables é o acceso a todo o fondo editorial, desde o primeiro número publicado en 1929. Nestes momentos xa está dispoñible no sitio www.galiciaclinica.info.

O novo director manifestou a súa intención de manter o carácter aberto e multidisciplinar da revista, polo que convidou a todos os médicos e autores á colaboración, "as páxinas de Galicia Clínica serán un foro aberto para todos os profesionais da medicina".

Segundo María Xosé Bravo, "a investigación e a actividade científica son fundamentais, e benefician a toda a sociedade. No século XXI existe unha gran demanda da ciencia médica, a cidadanía está interesada en todo o que ten que ver con ela e os seus avances, o saber é un ansia propia do ser humano".

A concelleira destacou o compromiso e o traballo diario dos internista, que atenden un dereito social tan importante como é a saúde. Así mesmo, agradeceu o esforzo da SOGAMI pola recuperación da revista Galicia Clínica, "sen ciencia non hai cultura".

25 Aniversario da Sociedade Galega de Medicina Interna
A programación do 25 Aniversario continúa durante o último trimestre do 2008. A SOGAMI ten programadas diversas actividades para esta conmemoración, entre elas, a publicación do Libro de Medicina Interna, dirixido por Don Fernando Diz-Lois.

As actividades rematarán coa celebración do 25º Congreso da Sociedade Galega de Medicina Interna, que coincidirá no tempo co 29º Congreso estatal da especialidade, atraído a Galicia pola SOGAMI e a celebración do seu 25 Aniversario. O programa reunirá a preto de 3000 participantes, abordará temas científicos e debates con interese profesional e cara a cidadanía en xeral, que se desenvolverán en máis de 80 actos. Segundo o presidente da SOGAMI, "será o broche de honra para as nosas vodas de prata, esperamos que sexa unha experiencia enriquecedora para todos os participantes".
SOGAMI Sociedade Galega de Medicina Interna | www.meiga.info